Como poderemos traballar con linguas que non coñecemos?

  Como non puiden asistir á sesión de aula en que se resolveu o primeiro exercicio, non sei se a miña reflexión vai polo camiño certo, pero quería deixar aquí o que puiden elaborar ca axuda da lectura que nos foi proporcionada, do libro Moure, Teresa (2019): Linguística eco. O estudo das línguas no Antropoceno, Santiago de Compostela, Através.

O primeiro texto, unha breve historieta en danés, resultou moito máis similar ao inglés, tanto en vocabulario como en sintaxe (exceptuando algunhas cousas como a colocación do artigo) do que eu tiña imaxinado en primeira instancia. A pesar de partirmos da base de que se trata de dúas linguas xermánicas, isto é, estreitamente emparentadas, chamoume a atención o feito de que danés e inglés me resultasen moito máis semellantes entre si do que calquera delas con respecto ao alemán, e por desgraza non coñezo o suficiente a cultura danesa como para aventurarme a analizar se estas semellanzas se proxectan tamén sobre o resto da produción cultural, e sobre todo, a cosmovisión das comunidades lingüísticas (neste caso inglesa e danesa, e tamén en relación ca alemá), a pesar de que a intuición xa me apunta cara a resposta afirmativa. Con isto refírome a fenómenos como, por exemplo no noso caso, o das linguas romances, que tendemos a considerar que compartimos unha cosmovisión, ou cosmovisións moi próximas, (por veces tamén asociada aos pobos mediterráneos) máis “latina”, en oposición, por exemplo, aos nosos veciños, os pobos xermánicos do norte de Europa, e esta división está claramente motivada polas linguas ou familias lingüísticas (cuxas fronteiras de feito son máis fáciles de trazar, xa que non se atopan co problema da distinción entre linguas e dialectos) pertencentes aos distintos territorios. De todos xeitos, continuariamos dentro do marco dunha cosmovisión ou conxunto de cosmovisións máis ampla, pero aínda común, dos pobos da Europa occidental.

Este exemplo anterior, á súa vez, lévame ao segundo texto, que a pesar de estar nunha lingua romance, estreitamente emparentada ca nosa, supúxome no primeiro verso unha dificultade gramatical maior do que calquera parte do texto en danés. En concreto refírome á construción se pareba, querendo dicir, “guiaba á súa frente”, que se corresponde ca gramática antiga do latín, pero non ca das linguas romances actuais. Penso que a pesar de que esa característica forma gramatical se perdese, por ter estado presente en diferentes etapas do latín, non é nin moito menos esquecido, e é amplamente estudado e considerado nas reflexións sobre a linguaxe, o cal me parece ata irónico se tomamos en conta as innúmeras particularidades de linguas hoxe en día aínda faladas (a maioría en grave risco de extinción) ignoradas pola tradición lingüística eurocentrista, que limita a nosa perspectiva dunha realidade tan diversa e complexa como é a linguaxe humana. Tal e como sinala Moure (2019), cada lingua atesoura un pequeno pedazo do que é a linguaxe, polo que todas son igual de valiosas e relevantes na investigación lingüística. Poderiamos ver isto dende a perspectiva do principio de emerxencia, se a linguaxe humana é máis do que a suma de todas as linguas naturais que existiron e existen, parece evidente a necesidade de estudar todas as linguas que existan vivas agora mesmo no mundo, dende todas as perspectivas posibles (para alén de analizar o rastro das antigas das que se poida ter conservado), no mínimo, como paso inicial para resolver este “puzzle”.

Con respecto á terceira amostra, as diferentes oracións en luiseño, salientouse a relevancia dunha peculiaridade (polo menos en relación cas nosas linguas) no plano gramatical, a variación no lexema dos verbos intransitivos segundo a acción sexa realizada por un individuo ou por un grupo e dos transitivos segundo o obxecto da acción sexa singular ou plural. Esta característica, para alén de enriquecer o estudo da gramática, é un claro reflexo dunha forma de construír a realidade, de toda unha estrutura de pensamento, cas respectivas implicacións filosóficas, sociais, políticas etc. diferente da nosa, unha amostra máis do valioso patrimonio que cada lingua aporta a toda a humanidade xa que, tal e como vimos nas aulas, as linguas humanas son patrimonio de todos, e por tanto é responsabilidade de todos valorizalas e protexelas, especialmente aquelas que foron atacadas e reducidas ata atoparse en perigo de desaparecer, levando con elas visións únicas do mundo que o enriquecían incalculablemente.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Sobre a leitura dos capítulos 3 e 8 de Pinker

A Hipótese da Relatividade contradiz a existência de universais?